Wednesday 15 de May de 2024

Airiños de Fene homenaxea este sábado a Pancho Álvarez na súa tradicional Xuntanza de Gaiteiros


A Sociedade Agarimo de Sillobre acolle este sábado, 11 de novembro, ás 19.30 horas a XXXV Xuntanza de Gaiteiros/as, actividade que Airiños de Fene organiza todos os anos desde 1988. Neste encontro, amais da participación de distintas bandas, grupos ou músicos, realízase unha homenaxe a algunha persoa, grupo ou entidade que se caracterizou por gardar, recoller, recuperar e dar a coñecer a nosa música tradicional. Na Xuntanza deste ano, a banda de gaitas fenesa homenaxeará a Pancho Álvarez.

Pancho Álvarez é un dos músicos de música tradicional máis importantes do noso país. Formou parte de Na Lúa durante 15 anos, do grupo Matocongrio (con Carlos Núñez, AnxoPintos, Santi Cribeiro..) durante varios anos e desde 1995 acompañou e acompaña a Carlos Nuñez, tanto nos seus discos como nas súas xiras e concertos. Tamén ten unha importante traxectoria en solitario con varios traballos discográficos e numerosos concertos.

Nesta XXXV Xuntanza de Gaiteiros contarase coa participación dos grupos de cantareiras “Xerfa”, e “Xirifeiras”, Gutier e Javier Álvarez, Alvaro Iglesias e Xosé Liz, Fexlix e Castor Castro, Begoña Riobo e Anxo Pintos, Airiños de Fene e Pancho Álvarez. Presentarán a Xuntanza Quique Paz Antón e Antón Rodríguez.